Abertijne Malcourt
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XV |
Morte | 1519 (Gregoriano) |
Actividade | |
Ocupación | cantor, compositor |
Abertijne Malcourt (coñecido tamén coas variedades Albertinus, no nome, e Malcort, no apelido), con data de nacemento descoñecida e finado antes de 1519, foi un cantante, copista musical e, probablemente, compositor do Renacemento, pertencente á escola francoflamenga e principalmente activo cara ao final do século XV, contemporáneo con Johannes Ockeghem. Considérase como un dos autores probables da famosa canción Malheur me bat, utilizada posteriormente como base para composicións de misas por Jacob Obrecht, Josquin des Prés, Alexander Agricola e Andreas Sylvanus.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Da escasa documentación que se atopou sobre a súa despréndese que exerceu como cantante en Bruxelas entre 1475 e 1476, na catedral de San Miguel e Santa Gúdula, e que tamén estivo aí entre 1494 e 1498 como mestre de coro. Ademais diso, coñécese que recibiu unha pensión da devandita catedral en 1513 e que a primeira vez que se fai mención do seu falecemento é en 1519.
Ademais de ser un cantante, foi copista de música; a el débenselle copias de varios libros non só para San Miguel e Santa Gúdula, senón tamén para a igrexa de San Nicolás, tamén en Bruxelas[2]. Os derradeiros traballos para esta última igrexa corresponden a 1486 a 1487.[3]
A única atribución a Malcourt como compositor aparece nun manuscrito de Ferrara. Trátase do rondó Malheur me bat[4]. Con todo, este Malcourt podería non ser el, senón máis probablemente Hendrock Malecourt, que era cantante en Bergen op Zoom na mesma época e que traballou directamente con Obrecht e con Abertijne Malcourt.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Haggh, Barbara H. "Malcourt (Malcort)". En Grove Music On Line Arquivado 01 de xuño de 2013 en Wayback Machine.. Ed. L. Macy. (En inglés)
- ↑ Kisby, Fiona. Music and Musicians in Renaissance Cities and Towns. Cambridge University Press. 2001. Páxina 155.[ISBN 0-521-66171-4] (En inglés)
- ↑ Sherr, Richard (Ed.). "Masses Based on Pliphonic Songs and Canonic Masses: the Missa Malheur me bat". En The Josquin Companion. Oxford University Press. 2000. Páxina 18. [ISBN 0-19816335-5] (En inglés)
- ↑ Pódese escoitar esta composición aquí.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Haggh, Barbara. "Crispine and Albertijne: Two Tenors at the Church of St Niklaas, Brussels". En Music and Letters. Oxford Journals. (1995) 76 (3): 325-344.